Nesta charla impartida, pola psicóloga ROCIO LOUZAO,abordouse a importancia da saúde mental tras o nacemento dun fillo ou filla, poñendo o foco tanto nas nais como nos pais. Destacouse que os problemas emocionais no posparto son frecuentes pero seguen a estar invisibilizados e infradiagnosticados. Explicouse a diferenza entre o baby blues e a depresión posparto, así como outras dificultades psicolóxicas que poden aparecer nesta etapa, facendo fincapé nos factores de risco e na relevancia do apoio social, da comunicación e do autocuidado para favorecer unha maternidade e paternidade máis saudables e desfrutadas.
Na segunda parte da sesión tratouse a xestión das rabechas na infancia, entendéndoas como unha etapa normal do desenvolvemento emocional. Analizáronse as principais causas das rabechas e a necesidade de previlas cando sexa posible mediante rutinas, anticipación e conexión emocional. Subliñouse a importancia de acompañar ás crianzas dende a calma, validando as súas emocións, mantendo límites firmes sen recorrer á violencia e empregando estratexias como o xogo e a oferta de opcións. Concluíuse que unha xestión respectuosa das rabechas contribúe ao desenvolvemento emocional, á autoestima e ás habilidades sociais dos nenos e nenas.





No hay comentarios:
Publicar un comentario